Documento que acredita a veracidade de feitos e de datos recollidos en actas, arquivos, etc.
Estrutura
1 Cabeceira
- Título: indicación breve do contido destacada tipograficamente do resto do documento.
- Identificador do emisor: nome, apelidos e cargo en función do que dá fe do contido do documento.
2 Corpo
- Núcleo: en primeiro lugar expóñense os datos que se han autenticar, baixo o epígrafe CERTIFICO:. A continuación relaciónanse os distintos feitos e a orixe da información, en parágrafos independentes encabezados por «Que» máis un verbo conxugado (se a redacción o permite).
Despois da certificación introdúcese a fórmula de constancia. Pode ser moi simple:
E para que conste, asino este certificado.
Ou engadir máis datos se é preciso:
- Finalidade: para os efectos de …
- Lexislación que ampara a quen certifica: segundo …
- Solicitante: a pedimento do interesado / de …
- Validez temporal: válido ata … / por un período de …
Quen certifica debe utilizar a primeira persoa para referirse a si mesmo e a terceira para as persoas a quen se refire o obxecto da certificación.
3 Peche
- Lugar e data
- Sinatura: rúbrica
- Visto e prace ou Comprobado e conforme, se se establece esta posibilidade, e a continuación cargo, rúbrica, nome e apelidos.
Exemplo
CERTIFICADO
Nome e apelidos, secretario xeral da Consellería de Cultura e Deporte
CERTIFICO:
Que as persoas que abaixo se citan forman parte do cadro de persoal desta consellería como interinas:
Nome e apelidos, DNI 33 552 645
Nome e apelidos, DNI 36 785 866
Nome e apelidos, DNI 44 125 486
E para que conste, a pedimento da Dirección Xeral de Función Pública, asino este certificado.
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2003