O SNL

SNL PontecesoO castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala. As outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos, (artigo 3 da Constitución española de 1978).

No ámbito territorial das comunidades autónomas con estatutos que establezan a cooficialidade lingüística, os peticionarios terán dereito a lles formula-las súas peticións á Administración xeral do Estado ou ós organismos públicos vinculados ou dependentes dela en calquera das linguas oficiais e a obter resposta na lingua da súa elección. (Artigo 5 da Lei 4/2001, do 12 de novembro, reguladora do dereito de petición).

A lingua propia de Galicia é o galego. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e dispoñerán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento. Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua. (Artigo 5 da Lei orgánica 1/181, do 6 de abril, do Estatuto de Autonomía para Galicia).

O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma. (Artigo 4 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística).

O galego, como lingua propia de Galicia, éo tamén da súa Administración local. (Artigo 7 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia).

Por petición do interesado ou do seu representante legal, o encargado do Rexistro substituirá o nome propio daquel polo seu equivalente onomástico en calquera das linguas españolas. (Artigo 2 da Lei 40/1999, do 5 de novembro, sobre nome e apelidos e orde destes).

O galego é a lingua propia de Galicia, entendida e falada por case toda a totalidade dos galegos.

O seu carácter cooficial faino lingua circulante na escola e na universidade, na actividade parlamentaria e de goberno, nos medios de comunicación, na rede, nunha parte da actividade comercial, investigadora e editorial.

A súa presenza esténdese á totalidade do noso territorio e prolóngase a áreas na linde das comunidades estremeiras. Máis de corenta universidades de todo o mundo fomentan o seu estudo e contribúen á difusión fóra das nosas fronteiras, o que fai do galego unha lingua de encontro e ponte entre culturas.

  Descargar díptico normalización SNL [PDF](984,7 KiB)