Documento administrativo que recolle as decisións adoptadas polos órganos competentes sobre a iniciación e as cuestións que se suscitan na tramitación dun procedemento con carácter previo á súa resolución.
Estrutura
A estrutura do acordo é similar á da resolución. Varía a etiqueta que introduce a decisión adoptada, ACORDO.
Exemplo
ACORDO DE CESIÓN DE INMOBLE
ANTECEDENTES
A fundación Centro Tecnolóxico da Lousa solicitou a cesión do uso do inmoble da Comunidade Autónoma de Galicia denominado Centro de Lousas de Galicia, para dedicalo a apoiar o sector mineiro de Galicia, en particular o sector da lousa.
CONSIDERACIÓNS LEGAIS E TÉCNICAS
1 O artigo 30.1 da Lei 3/1985, do 12 de abril, sinala que o Consello da Xunta de Galicia poderá ceder os bens patrimoniais inmobles da Comunidade Autónoma, que non estean sendo aproveitados pola administración, gratuitamente a favor de institucións e corporacións públicas ou sen ánimo de lucro, para fins de utilidade pública ou de interese social.
2 O Decreto 220/2002, do 6 de xuño (DOG núm. 125, do 1 de xullo), desafectou do dominio público o Centro de Lousas de Galicia.
3 A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 3 de xullo de 2002 (DOG núm. 141, do 23 de xullo) declarou a alleabilidade deste inmoble.
De conformidade coa proposta da consellería de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 17.01.2002,
ACORDO:
1 A cesión a título gratuíto, a favor da fundación Centro Tecnolóxico da Lousa, do dereito de uso do Centro de Lousas de Galicia, xunto coas súas pertenzas. Este inmoble está inscrito no Rexistro da Propiedade do Barco de Valdeorras, no tomo 456, libro 129, folio 188, predio núm. 17 092, inscrición 2ª.
2 Esta cesión de uso queda sometida ás seguintes cláusulas:
- O fin será apoiar o sector mineiro de Galicia, en particular o louseiro. Promoverase a formación e investigación tecnolóxica para mellorar o rendemento e a concorrencia das explotacións galegas.
- Concédese por un período de dez anos, contados desde o outorgamento da escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración.
- Se o inmoble non se aplica ao fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contados desde o outorgamento da escritura pública, ou se se incumpre calquera das outras cláusulas, considerarase finalizada a cesión de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma Galega.
Santiago de compostela, 17 de outubro de 2002
O conselleiro da Presidencia, O conselleiro de Economía e Administracións Públicas e Xustiza Facenda
Nome e apelidos Nome e apelidos