Documentación administrativa. Documentos de transmisión. A carta

Documento que se emprega entre os membros da Administración e entre esta e o cidadán para informar sobre contidos xerais non directamente relacionados coa xestión habitual nin coa tramitación dun procedemento.

Estrutura da carta:

1 Cabeceira

- Identificación do destinatario: nome, apelidos e enderezo completo (pode incluírse tamén o seu cargo). Só no caso de utilizar un sobre con ventá se aliñarán estes datos á dereita.

2 Corpo

- Saúdo: segundo a formalidade da mensaxe e o tratamento do receptor, a fórmula de saúdo pode variar.

- Núcleo: a organización da información debería responder ao seguinte esquema construtivo introdución, exposicón e conclusión.

Ademais, esta estrutura deberíase reflectir na organización dos parágrafos.

- Despedida: ten que ser paralela ao saúdo no seu grao de formalidade e no tratamento.

3 Peche:

- Sinatura: rúbrica, nome e apelidos, e cargo. Por ir despois do nome, o cargo non leva o artigo diante.

- Lugar e data

- Posdata: información complementaria que se pode engadir de forma opcional. Introdúcese coa sigla PD.

 

Exemplo

Don Manuel Torreira Liñares

Asociación Civil Unión de Residentes de La Haya Vieja

Rúa Monteverde, núm. 34

12354 A Habana (Cuba)

 

Señor,

 

En contestación ao seu escrito do 19-02-2002, comunícolle que a Secretaría Xeral de Política Lingüística non ten impedimento en realizar o curso de lingua galega que solicita.

Non obstante, a petición destes cursos debe realizarse de xeito formal, segundo a Orde que regula os cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua e extensión cultural galega para residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e na cultura de Galicia (DOG núm. 48, do 7 de marzo de 2001).

Achégolle unha copia desta orde na que están incluídos tanto os obxectivo coma os contidos dos citados cursos e un modelo de petición. Esta petición debe facerse no modelo que facilita a Secretaría Xeral de Emigración, órgano colaborador na organización dos cursos e ao cal se deben dirixir as solicitudes.

Atentamente,

Nome e apelidos

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

 

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2002