Documentación administrativa. Documentos de transmisión. A circular

Documento de contido xeral dirixido a un grupo determinado de destinatarios. Trátase dun subtipo de carta utilizado par a comunicación interna da Administración.

Estrutura da circular:

1 Cabeceira

- Referencia: código de clasificación utilizado polo emisor.

- Asunto: breve descrición do obxecto da comunicación.

A inclusión destes datos é opcional.

2 Corpo

- Saúdo: é opcional e, segundo a formalidade da mensaxe e o tratamento do receptor, pode variar.

- Núcleo: indícase o obxecto da comunicación.

- Despedida: é opcional e ten que ser paralela ao saúdo no seu grao de formalidade e no tratamento.

3 Peche

- Sinatura: rúbrica, nome e apelidos e cargo. Por ir despois do nome, o cargo non leva o artigo diante.

- Lugar e data

- Postdata: información complementaria que se pode engadir de forma opcional. Introdúcese coa sigla PD.

Esta é a orde que se segue se empregamos fórmulas de saúdo e despedida. De non utilizalas, a orde debe ser inversa: lugar a data, sinatura e postdata. No bloque de sinatura mantense a orde habitual (cargo, rúbrica, nome e apelidos) e incorpórase o artigo á indicación do cargo.

 

Exemplo

 

Ref.: 1301

 

Señor/a director/a,

 

A Consellería de Cultura e Deporte quere facer partícipes as bibliotecas municipais de Galicia dos actos previstos con motivo da celebración do Día Internacional das Linguas Minorizadas. Por este motivo achégolle o programa de actividades así como a lista de recursos que están á súa disposición para participar no programa de animación á lectura en galego.

 

Agradézolle a súa colaboración e convídoo/a a enviar a esta consellería calquera suxestión que nos axude a mellorar a promoción do idioma galego.

 

Cordialmente,

 

Nome e apelidos

Conselleira de Cultura e Deporte

 

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2002