Documentación administrativa. Documentos de transmisión. A notificación

É o trámite mediante o que se lles comunica aos interesados nun procedemento as resolucións e os actos que afectan aos seus dereitos e intereses.

Estrutura

A notificación redúcese a un texto formalizado no que se consignan os datos que a lei esixe.

A notificación debe cursarse nun prazo de dez días a partir da data na que se ditou a resolución e debe indicar os datos da persoa ou entidade afectada, a norma que lexisla a notificación coa denominación completa, a indicación de se a resolución é definitiva ou non en vía administrativa e, ademais, os recursos que se poden interpoñer, ante qué órgano e os prazos para facelo.

A práctica das notificacións realizarase por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción, así como da data, da identidade do destinatario e do contido do acto notificado. Neste momento do procedemento é cando xorden outros documentos, como a dilixencia de notificación, que serve para deixar constancia do acto de notificación.

 

Exemplo

 

RESOLUCIÓN DA DIRECCIÓN XERAL DE TRIBUTOS SOBRE REINTEGRO DE PAGAMENTOS INDEBIDOS

 

FEITOS

1 A Delegción Provincial de Ourense da Consellería de Educación envioulle á Dirección Xeral de Tributos o expediente de Rosa Lamela Rioboo, á que se lle require a cantidade de 546,06 euros polo cobro indebido de dous días do mes de maio de 2000.

2. O día 19-11-2001 emítese unha resolución da Dirección Xeral de Tributos na que se lle require a citada cantidade.

3 Rosa Lamela Rioboo presentou un xustificante de ingreso á Dirección Xeral de Tributos e a delegación provincial certifica este ingreso na conta núm. 006775432 de Caixa Futura con data 31-12-2001.

 

CONSIDERACIÓNS LEGAIS E TÉCNICAS

1 O Decreto 321/2000, do 28 de decembro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Facenda e a Orde do 27 de decembro de 1990 regula a tramitación do reintegro dos pagamentos indebidos.

A Dirección Xeral de Tributos é competente para resolver estas cuestións segundo o artigo 4 do Decreto 232/1987, do 3 de setembro.

De acordo con todo o indicado RESOLVO:

Deixar sen efecto a Resolución do 19 de novembro de 2002, na que se lle requiría a cantidade de 546,04 euros a Rosa Lameal Rioboo, en concepto de cobro indebido de dous días do mes de maio de 2000.

Contra resta resolución poderá interpoñer unha reclamación económico-administrativa ante o Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónima de Galicia, dentro do prazo de quince días, contados a partir do seguinte á data de notificación.

Mediante este documento notifícaselle a Rosa Lamela Rioboo esta resolución segundo o esixido no artigo 58.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídido das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro de 1992), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro de 1999, e BOE núm. 30, do 4 de febreiro de 1999).

 

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2002

A directora xeral

 

Nome e apelidos