A publicación é unha actuación material que consiste na inserción dun acto administrativo nun diario oficial, taboleiro de anuncios ou medio de comunicación co fin de difundilo.
Estrutura
Polo xeral, aparecen nos diarios oficiais e taboleiros baixo a etiqueta ANUNCIO e co seu formato. Este termo engloba tamén outro tipo de informacións públicas que non están reguladas por lei.
Nestes documentos séguese a estrutura habitual nos textos administrativos con cabeceira, corpo e peche.
No caso da publicación substitutoria da notificación, débese colocar no corpo do documento un apartado no que se indica:
- Unha explicación sucinta das circunstancias que provocan a imposibilidade de efectuar a notificación.
- Os medios polos que se realiza a notificación (diario oficial, taboleiros de anuncios, medios de comunicación…)
Exemplo
ANUNCIO
___________________________________________________
Non se puido levar a cabo a notificación da resolución do procedemento sancionador (exp. núm. 47/02) a Manuel Formoso Xende por mariscar sen o correspondente carné na praia de Area Triga o 27/11/2003.
De acordo co previsto no art. 59.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro de 1992), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro de 1999, e BOE núm. 30, do 4 de febreiro de 1999) procédese a notificalo mediante a publicación no DOG e no taboleiro de anuncios do Concello de Arnela.
A resolución non esgota a vía administrativa e poderá interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio.
Se transcorre o dito prazo sen que se faga uso deste dereito, a resolución será firme e a multa deberá pagarse nos vinte días seguintes. Se non o fixer, procederase á súa exacción por vía executiva.
Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2004
A directora xeral de Recursos Mariños
Nome e apelidos