Documentación administrativa. Documentos de transmisión. O requirimento

Documento no que se lle reclama a unha persoa que emende algún defecto da súa intervención nun procedemento administrativo.

Estrutura

1 Cabeceira

- Identificación do destinatario: nome, apelidos e enderezo completo (pódese incluír tamén o seu cargo). Só no caso de utilizar un sobre con ventá, se aliñarán estes datos á dereita.

- Título: indicación breve do contido destacada tipograficamente do resto do documento.

2 Corpo

Deberán aparecer os seguintes contidos en parágrafos independentes:

- os antecedentes que xustifican o acto do requirimento

- a xustificación legal

- o requirimento

- as posibles consecuencias da non comparecencia

Cabe a posibilidade de incluír unha fórmula de notificación que asegure a recepción do documento por parte do destinatario, por exemplo

Mediante este documento, notifícaselle a …

3 Peche

- Lugar e data

- Sinatura: cargo, rúbrica, nome e apelidos

 

Exemplo

Margarida Ferreiro Campañó

Rúa Monelos, 21, 2º E

15071 A Coruña

 

REQUIRIMENTO DE CORRECCIÓN DE ERROS

 

A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co artigo 71.1 da LRX-PAC, requírelle que emende os erros detectados na súa solicitude con data 24-01-99, referente á convocatoria de prazas de auxiliares administrativos nesta consellería.

Ten un prazo de 10 días a partir da data de notificación. Para iso deberá:

1 Presentar unha fotocopia compulsada do título de Auxiliar Administraiivo.

2 Presentar os documentos acreditativos dos cursos de asesoría fiscal que indica no seu currículo.

Se non se produce a corrección no prazo mencionado, entenderase que desistiu da súa petición polo que se arquivará sen máis trámites.

Mediante este documentos notifícaselle a Margarida Feito Campañó o contido do presente requirimento, segundo o esixido no artigo 58.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro de 1992), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro de 1999, e BOE núm. 30, do 4 de febreiro de 1999).

Pontevedra, 23 de abril de 2003

O delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

 

Nome e apelidos