Documentación administrativa. Documentos dos cidadáns. A alegación

Documento co que o interesado nun procedemento administrativo lle proporciona á Administración datos, documentos ou calquera información relativa á tramitación daquel.

Estrutura

1 Cabeceira

- Título: indicación breve do contido destacada tipograficamente do resto do documento.

- Identificación do emisor: nome, apelidos e DNI. Pode ofrecer tamén os datos do domicilio onde desexa que se lle envíen as notificacións.

2 Corpo

- Identificación do procedemento: expóñense os datos necesarios para situar o procedemento tales como: asunto, tipo de procedemento (sancionador, autorización, dereitos económicos, etc.) e prazos. Cómpre agrupar a información nun único parágrafo que se sitúa debaixo da expresión EXPOÑO:.

- Alegacións: nos parágrafos seguintes expóñense, ordenados e numerados, os datos, feitos ou argumentos que o cidadán alega. Esta exposición introdúcese cunha fórmula como:

En relación con isto, formulo as seguintes ALEGACIÓNS: 

- Solicitude: a indicación da solicitude é opcional. De se incluír este apartado, iníciase cunha fórmula como:

Por iso, SOLICITO: 

- Indicación para a notificación: o medio e o lugar a onde a Administración debe enviar calquera información. Se se inclúe aquí esta información, elimínase o enderezo na idenficación do emisor.

3 Peche

- Lugar e data

- Sinatura: rúbrica

- Identificación do destinatario: nome do cargo ou órgano administrativo ao que se dirixe a alegación, que aparecerá ao final do documento destacado en maiúsculas.

4 Anexos

É opcional a achega de documentos par comprobar ou xustificar as alegacións. Cando os haxa, indicarase cunha lista correlativa antes da indicación do destinatario.

Exemplo

ALEGACIÓN

Daniel Ares Andrade, DNI 33 241 111, con domicilio na rúa Area Longa, núm. 34, do municipio de Vilagarcía de Arousa,

EXPOÑO:

O día 20 de xullo de 2002, notificóuseme un requirimento no cal se solicitaba unha copia da declaración do imposto de transmisións patrimoniais que eu realicei en maio do mesmo ano, despois de comprar unha embarcación marca Abbate Bruno, Primatist, Modelo 15, dimensións: 4.35 de eslora e 1,90 de manga.

En relación con isto, formulo as seguintes ALEGACIÓNS:

A documentación requirida xa foi enviada o día 26 de xullo, mediante correo certificado, como demostra a copia selada que envío novamente xunto con esta alegación.

Solito que calquera tipo de notificación se realice mediante fax ao número 986 332 156 ou por correo postal ao enderezo sinalado máis arriba.

Vilagarcía de Arousa, 5 de setembro de 2002

ANEXOS

copia da declaración de impostos de transmisións patrimoniais

DIRECTOR XERAL DE TRIBUTOS