Documentación administrativa. Documentos dos cidadáns. A denuncia

Documento polo que o cidadán pon en coñecemento dun órgano administrativo feitos que determinan o comezo dun procedemento.

Estrutura

1 Cabeceira

- Título: indicación breve do contido destacada tipograficamente do resto do documento.

- Identificación do emisor: nome, apelidos e DNI. Pode ofrecer tamén os datos do domicilio onde desexa que se lle envíen as notificacións.

2 Corpo

- Exposición de feitos: indicarase o lugar e a data en que tiveron lugar e, se é posible, débense identificar as persoas interesadas no procedemento. A fórmula de inicio pode ser un epígrafe como:

DENUNCIO os seguintes feitos: 

- Solicitude: a indicación da solicitude é opcional pois calquera denuncia de feitos ilegais dá comezo a un expediente administrativo. De se incluír este apartado, a solicitude de actuación iníciase cunha fórmula como:

Por isto, SOLICITO: 

- Indicacións para a notificación: o medio e o lugar a onde a Administración debe enviar calquera información. Se se inclúe aquí esta información, elimínase o enderezo na identificación do emisor.

3 Peche

- Lugar e data

- Sinatura: rúbrica

- Identificación do destinatario: nome do órgano administrativo ao que se dirixe a denuncia, que aparecerá ao final do documento destacado en maiúsculas.

4 Anexos

É opcional a achega de documentos para comprobar ou xustificar a denuncia. Cando os haxa, indicarase cunha lista correlativa antes da indicación do destinatario.

 

Exemplo

 

DENUNCIA

 

Celia Silva Figueiras, DNI 33 076 091, con domicilio na rúa Ouro Negro, núm. 67, do lugar de Albeida, Serra de Outes, CP 15230 A Coruña

 

DENUNCIO os seguintes feitos:

1 A cafetería denominada Ouro Negro, situada no número 66 da rúa co mesmo nome, permanece aberta ata ben entrada a madrugada.

2 A partir das doce da noite, coma a calquera outra hora do día, o ruído que se produce no seu interior é altísimo, de xeito que impide o descanso de todo o bloque de vivendas próximas a esta empresa.

3 En máis dunha ocasión, varios veciños solicitámoslle ao dono da cafetería que reducise o nivel de contaminación acústica, sen conseguir ningún resultado.

4 Tamén temos presentada unha denuncia no Concello de Serra de Outes, sen que ata o momento obtivésemos atención para este problema.

 

Albeida, 3 de maio de 2002

 

 

ANEXO

copia da acta de comprobación de ruídos e vibracións realizada pola Policía Local

 

 

SUBDIRECTOR XERAL DE XOGOS E ESPECTÁCULOS