Documentación administrativa. Documentos dos cidadáns. A solicitude

Documento polo que un cidadán solicita por escrito a un organismo competente a tramitación prevista pola normativa vixente.

Estrutura

Ademais dos documentos presentados pola cidadanía, cada institución pode fixar modelos normalizados para os procedementos máis habituais.

1 Cabeceira

- Título: indicación breve do contido destacada tipograficamente do resto do documento. 

- Identificación do emisor: nome, apelidos e DNI. Pode ofrecer tamén os datos do domicilio onde desexa que se lle envíen as notificacións.

2 Corpo

- Exposición de motivos: que provocan a presentación da solicitude. Aparecen baixo o apígrafe EXPOÑO: numerados e en parágrafos independentes; encabézanse coa conxunción «Que» máis un verbo conxugado (se a redacción o permite).

- Solicitude: enúnciase a demanda mediante un epígrafe como: 

Por iso, SOLICITO: 

- Indicacións para a notificación: o medio e o lugar a onde a Administración debe enviar calquera información. Se se inclúe aquí esta información, elimínase o enderezo na identificación do emisor. 

3 Peche

- Lugar e data

- Sinatura: rúbrica

- Identificación do destinatario: nome do órgano administrativo ao que se dirixe a solicitude, que aparecerá ao final do documento destacado en maiúsculas. 

4 Anexos

É opcional a achega de documentos para comprobar ou xustificar a solicitude. Cando os haxa, indicarase cunha lista correlativa antes da indicación do destinatario. 

Exemplo

SOLICITUDE

Miguel Bouzas Priegue, DNI 33 713 298, con domicilio en Santián, 32, Concello de Maside

EXPOÑO:

1 Que necesito realizar unha obra nunha leira denominada A Camposa. Esta leira linda co río Barouta, que pasa pola aldea de Santián, na mesma parroquia de Amarante, Concello de Maside, provincia de Ourense.

2 A obra que pretendo realizar é un valado de dous metros de alto de formigón armado, todo ao redor da leira, cunha lonxitude de 22 m aproximadamente.

SOLICITO:

Que, de acordo co artigo 78 do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril, se me conceda a autorización para realizar, en zona de policía de leitos, as obras especificadas.

Maside, 2 de decembro de 2003

ANEXOS

1 plano de planta, a escala, da obra que se vai realizar

2 memoria explicativa

3 perfís transversais

4 proxecto, en exemplar triplicado

PRESIDENTE DE AUGAS DE GALICIA