Documentación administrativa. Documentos dos cidadáns. O recurso

Documento co que o cidadán lle comunica á Administración as súas discrepancias cunha decisión ou acto administrativo.

Estrutura

1 Cabeceira

- Título: indicación breve do contido destacada tipograficamente do resto do documento.

- Identificación do emisor: nome, apelidos e DNI. Pode ofrecer tamén os datos do domicilio onde desexa que se lle envíen as notificacións.

2 Corpo

- Identificación do procedemento: especifícase o tipo de acto contra o que se recorre (resolución, acordo, trámite…), a data na que se emitiu, a autoridade ou órgano que o ditou e o seu contido. Introdúcese cunha forma verbal como:

Interpoño o seguinte RECURSO: 

- Exposición de motivos: explícanse as razóns que motivan o recurso baixo o epígrafe FEITOS.

- Solicitude: inclúese a modificación que se pretende conseguir. O epígrafe introdutorio pode ser:

Por iso, SOLICITO: 

- Indicacións para a notificación: o medio e o lugar onde a Administración debe enviar calquera información. Se se inclúe aquí esta información, elimínase o enderezo na identificación do emisor.

3 Peche

- Lugar e data

- Sinatura: rúbrica.

- Identificación do destinatario: nome do órgano administrativo ao que se dirixe o recurso que aparecerá ao final do documento destacado en maiúsculas.

Exemplo

RECURSO

Elvira Pardo Guerreiro, con DNI 36 384 256, con domicilio na rúa Pardiñeiros, núm. 13, 3º, 36639 Pontevedra,

RECORRO:

Contra a resolución ditada polo xefe do Gabinete de Programación e Sistemas o día 22/11/2004 sobre a reclamación presentada o 10/10/2002.

FEITOS

1 Mediante o parte de asistencia ao Curso de PowerPoint, compróbase que asistín á clase diariamente, cumprindo o regulamentado na orde de convocatoria do curso (Orde do 23 de xuño de 2002, DOG do 4 de xullo de 2002).

2 No dito curso realicei todas as actividades programadas tanto no horario das clases coma fóra del, a través dos traballos prácticos aos que se refiren os artigos 9 e 10 da orde de convocatoria.

3 En ningún artigo da convocatoria se fai mención á realización de probas de superación do curso, nin ningunha referencia á cualificación de apto.

4 Unha vez que coñecín o suspenso presentei un escrito, o 10/10/2002, no que solicitaba a revisión do meu expediente e a realización dunha recuperación, como se fixo en cursos dependentes da Delegación de Ourense, aínda que esta recuperación non se contemplase na orde de convocatoria.

Por todo isto, SOLICITO:

Que se revise o meu expediente e se expida a certificación pertinente para evitar unha discriminación patente non prevista na orde de convocatoria.

Pontevedra, 12 de xaneiro de 2003

CONSELLEIRO DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA