Documento mediante o que se solicita a presenza dunha persoa para que cumpra un trámite administrativo.
Estrutura
1 Cabeceira
- Identificación do destinatario: nome, apelidos e enderezo completo (pode incluírse tamén o seu cargo). Só no caso de utilizar un sobre con ventá se aliñarán estes datos á dereita.
- Título: indicación breve do contido destacada tipograficamente do reso do documento
2 Corpo
Os contidos básicos que se desenvolven neste apartado son:
- a razón da citación
- a finalidade da citación
- o momento e o lugar no que debe comparecer
A fórmula da citación presenta moi poucas variantes e as máis comúns son:
Pídolle que se presente…
Emprázoa para que compareza…
De ser necesario, poden aparecer as consecuencias da non comparecencia do citado ou a documentación que debe achegar.
3 Peche
- Lugar e data
- Sinatura: cargo, rúbrica, nome e apelidos.
Exemplos
Rita Hermida Trillo
Rúa Sufrimento, 27, 3º
15250 Muros (A Coruña
CITACIÓN
Foi vostede seleccionada para cubrir un posto vacante de enxeñeira de sistemas na Dirección Xeral de Saúde Pública. Por todo isto, comunícolle que se ten que presentar para asinar o seu nomeamento.
Día: 22 de maio de 2002
Hora: 12.00 h
Lugar: Dirección Xeral de Saúde Pública, San Lázaro s/n, Santiago de Compostela
De acordo cos artigos 40 e 76.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro de 1999), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro de 1999, e BOE núm. 30, do 4 de febreiro de 1999), infórmoa de que, se non comparece, nomearase outro substituto.
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2002
A directora xeral de Saúde Pública
Nome e apelidos
Xosefa Siaba Herbón
Rúa Bidueiro, 27, 3º
14325 Vilaxoán
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
EMPRAZAMENTO PARA TRÁMITE DE AUDIENCIA
Esta unidade administrativa deu por concluída o día 25-04-2003 a fase de instrucción do expediente 23/2003, que se segue a pedimento seu.
Neste procedmento presentáronse alegacións, informes e probas diferentes das aducidas na súa solicitude e das que non se tivo coñecemento na tramitación do expediente.
Por todo isto, e de acordo co artigo 84 da Lei 30/19992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE núm. 285, do 27 de novembro de 1992), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE núm. 16, do 19 de xaneiro de 1999, e BOE núm. 30, do 4 de febreiro de 1999), comunícolle que no prazo de dez días pode ver o expediente para alegar e presentar os documentos que considere pertinentes.
Transcorrido este prazo e vistas as alegacións presentadas, ditarase a proposta de resolución para seguir cos trámites do procedemento.
Pontevedra, 26 de xuño de 2003
O delegado provincial da Consellería de Economía e Facenda
Nome e apelidos