A conxunción «que» é invariable e emprégase para introducir información necesaria na comunicación. Os verbos de fala, sentido e coñecemento rexen a conxunción «que»; é dicir, precisan introducila como nexo con outra oración para completar o seu sentido.
Solicítolle que me devolva o documento asinado no prazo de quince días.
O xefe territorial considerou que a reclamación era pertinente.
Nos textos administrativos é habitual a supresión de «que», asociada a unha inadecuada economía lingúística. Prescindir deste elemento de forma inxustificada non axiliza o texto, senón que o converte en inintelixible para o destinatario:
X Ordénolle proceda á xestión dos pagamentos.
V Ordénolle que xestione os pagamentos.
X Este organismo considera debe cumprir o trámite.
V Este organismo considera que debe cumprir o trámite.