A riqueza lingüística do galego permítenos valernos dos tempos verbais e tamén das perífrases para gañar en expresividade e matices comunicativos. De entre as moitas opcións que podemos empregar temos que fixarnos nas seguintes, debido ao uso confuso que facemos delas:
A construción vir de + infinitivo
Emprégase para indicar unha acción recente, xa rematada, e sempre implica movemento. É dicir, o verbo vir mantén o seu significado:
A consellería acaba de inaugurar o vixésimo centro de cooperación con América do Sur.
A consellería vén de inaugurar o vixésimo centro de cooperación con América do Sur
Polo tanto non é unha perífrase, aínda que nos resulta útil para expresar matices temporais de anterioridade recente.
A construción ter + participio
Indica unha acción pasada rematada e reiterada, é dicir, que se repetiu varias veces anteriormente.
Teño organizado eventos similares noutras ocasións e nunca me supuxeron tantos problemas.
Se non se cumpren os requisitos, podemos estar diante dun «falso tempo composto», un castelanismo totalmente incorrecto en galego.
Tiña marchado moitas veces, pero ao final sempre volvía
Cando a conselleira chegou, o alcalde tiña marchado
Ter por e dar por + participio
Son estruturas que manteñen certa actividade na lingua común, aínda que formando parte de frases feitas: dar por morto, ter por feito… Na linguaxe administrativa, o seu uso considérase recargante e arcaísta; é dicir, non son recursos eficientes e deben substituírse por verbos simples que achegan de forma clara o concepto que queremos expresar: «considerar», «estimar», «valorar».
As alternativas básicas son a verbalización (un verbo por vez dunha estrutura complexa) e a simplificación da oración, o que nos leva a unha escrita correcta e, ademais, moito máis clara.
Teremos por resolta a convocatoria cando remate o prazo de reclamacións.
Resolveremos a convocatoria cando remate o prazo de reclamacións.
Cando teña por tramitada a solicitude de renovación de licenza proporcionarémoslle un permiso provisional.
Cando solicite a renovación da licenza proporcionarémoslle un permiso. provisional
A presidente deu por concluída a sesión anual ordinaria.
A presidenta concluíu a sesión anual ordinaria.
Dando por denegada a súa petición de traslado, ten vostede a posibilidade de acollerse a unha nova convocatoria o próximo ano.
Unha vez denegada a súa petición de traslado, ten vostede a posibilidade de acollerse a unha nova convocatoria o próximo ano