Mesmo é un identificador de igualdade que pode variar en xénero e número. Os seus valores son idénticos na lingua común e na administrativa: ‘igual’, ‘exacto’ (A delegación da Coruña acordou amplicar o prazo en quince días. A de Lugo tomou a mesma decisión = decidiu o mesmo); ‘xusto’, ‘exactamente’ (Hoxe mesmo envíolle a copia do expediente que me demanda); ‘incluso’ (A convocatoria era tan confusa que mesmo a presidenta do tribunal dubidaba na súa interpretación). Daquela, non pode empregarse por vez de demostrativos, nin de posesivos, nin de pronomes persoais.
X Presentou o novo plan de viabilidade e despois destacou os puntos fortes do mesmo.
V Presentou o novo plan de viabilidade e despois destacou os seus puntos fortes.
X Analicemos os conflitos e a presumible deriva dos mesmos.
V Analicemos os conflitos e a deriva presumible deles.
X O día seguinte ao da publicación do mesmo.
V O día seguinte ao da publicación deste.
X Durante o mesmo
V Durante este período