Na linguaxe administrativa galega úsase este adxectivo moi habitualmente, máis con atribucións que non lle son propias. Para que «presente» poida funcionar como un nome, debe ser o significado de ‘agasallo’, ‘que se atopa nun lugar á vista doutro’ ou ‘momento actual’:
Non é adecuado aceptar presentes nestas circunstancias.
Todos os presentes eloxiaron o labor da xefa de zona.
No presente calquera intervención debe contar co visto e prace das dúas xefaturas.
Xa que logo, por si mesma a palabra presente non ten a capacidade de remitir a algo xa mencionado nin pode usarse como un substantivo «comodín», é dicir, substituto de calquera outro. Debe acompañar a un nome:
X Recibe a presente en presenza das seguintes testemuñas.
V Recibe a presente citación en presenza das seguintes testemuñas.
Con todo, hai formas máis aconsellables de introducir referencias nun texto, como son empregar demostrativos, adxectivos ou léxico preciso:
X Por medio da presente …
V A través deste requirimento …
X Envíolle a presente para …
V Envíolle a seguinte notificación para …
X Sírvase asinar a presente para constancia …
V Por favor, asine o documento achegado … // Solicítolle que asine …