Gramática. O uso dos pronomes de acusativo e de dativo cos verbos na Administración

O pronome de complemento directo, na súa terceira persoa e na segunda de respecto, que son as apropiadas nas comunicacións administrativas, ten tres formas posibles, segundo se sitúe antes ou detrás do verbo:

O/LO/NO        A/LA/NA      OS/LOS/NOS       AS/LAS/NAS

Poñelos de acordo non resultou doado.

Citouno para as 12:30 h.

Non a van convocar ata esta tarde.

 

O de complemento indirecto é LLE/LLES

Por favor, entrégalle esta copia á persoa qu o solicitou.

Como afectados neste proceso, remítolles unha copia das alegacións.

As confusións á hora de empregalos correctamente teñen que ver en moitas ocasións co traslado dos usos do castelán ao galego. Para evitalo, é bo ter en conta:

- A maioría dos verbos galegos son transitivos, é dicir, acompáñaos un complemento directo:

Recolleuno na porta da entrada e acompañouno ao rexistro.

- Se estes verbos levan un complemento indirecto de persoa, é que levan tamén un complemento directo:

Recolleulle a solicitude cinco minutos antes de pechar o rexistro.

Facer estas comprobacións permitiranos resolver a maioría das dúbidas sobre cal é a forma adecuada. Citar, advertir, requirir, informar, emprazar, convocar, invitar, notificar… son algúns dos verbos frecuentes cos que se cometen erros de gravidade á hora de sumarlles os pronomes.

Cítoo para que compareza o día 20 ás 13.00 h.

Como argumento, citoulle un artigo da lei de propiedade intelectual.