- Podemos empregalas, principalmente, para encadrar frases ou citas textuais:
A avogada concluíu: «A súa actuación estivo condicionada pola dependencia de substancias estupefacientes que lle impediron manter o control».
Se a cita está incluída dentro doutra, utilizaremos para o segundo nivel as comiñas simples (‘…’). Se aparece en liña á parte, non son precisas.
Tamén se empregan para citar títulos de capítulos, apartados, relatorios, discursos, lemas, artigos de publicacións periódicas e documentos non publicados.
Antes da aparición dos procesadores de texto, usábanse tamén para enmarcar títulos de obras literarias e artísticas, estranxeirismos, sobrenomes… pero na actualidade isto destácase coa cursiva.
Outros nomes que non se escriben entre comiñas son os de congresos, programas, campañas, edificios e entidades. Destácanse grafándoos en maiúscula.