Na escrita empregamos as abreviacións como un procedemento de economía lingüística e para evitar as repeticións. Consisten na representación de sintagmas longos con formas máis breves, que son facilmente recoñecibles ou deducibles polo lector. Existen catro tipos: abreviaturas, siglas, símbolos e acrónimos.
Abreviaturas
Podemos abreviar palabras ou frases, nomes comúns ou propios, verbos, preposicións… O que non se abrevia son os topónimos.
Outra das súas características é que son de libre creación, pero o máis operativo é empregar, sempre que se poida, as que están máis estendidas e fixadas polo uso:
teléfono > tfno. / tel.
Estas dúas abreviaturas cumpren coas normas de formación e posiblemente non sexan as únicas opcións. Non obstante, escollemos a primeira por operatividade: é máis coñecida, daquela é a máis fácil de interpretar.
Por outra parte, a creación discrecional non significa que poidamos abusar delas. Se precisamos crear unha nova, debemos valorar que a redución compense, en tempo e en espazo:
rúa > r/, r.
Neste caso, abreviar supón pasar de catro a dúas pulsacións. Cuantitativamente, a mudanza é moi pequena pero, cualitativamente, pasamos de ler a interpretar. O esforzo non é proporcional ao aforro e, en consecuencia, optamos por non abreviar esta palabra.
A propósito de como se crean, debemos lembrar algunhas indicaicóns:
- Fórmanse cunha letra ou con con varias da(s) palabra(s) que se quere(n) reducir. Adoita(n) ser a(s) primeira(s), aínda que tamén poden recoller as letras finais da palabra:
pax. > páxina
art. > artigo
núm. > número
exp. > expediente
v. e pr. > visto e prace
p.o. > por orde
Salvo excepcións fixadas polo uso (1º), evítanse as letras en superíndice.
- Rematan sempre nun punto, agás as grafadas con barra ou letra voada: s/n, c/c, Dª etc
- A inicial da abreviatura gráfase con maiúscula ou minúscula segundo a leve ou non a palabra que abrevia.
Escola Galega de Administración Pública
Avda/ de Madrid, núm. 3
15705 Santiago de Compostela
Envíeno á avda/ de Madrid núm. 3
- Non obstante, as abreviaturas dos tratamentos escríbense con maiúscula e obrigan o nome ao que acompañan a facelo.
Ilma. Sra. Decana do Colexio de Arquitectos
- Admiten o morfema de plural, se a palabra que representan tamén o permite. Cando a abreviatura a forman varias letras, abonda con engadir s. Se se abrevia cada palabra nunha soa letra, o plural fórmase duplicando as iniciais ou é invariable.
dros. > dereitos
u. > unidade / unidades
- Conservan a vogal con acento gráfico como parte do acurtamento.
max. > máximo
admón. > administración
- Lense como a forma plena que representan.
As abreviaturas son un bo recurso para evitar a repetición de palabras necesarias, pero esaxerar a súa presenza entorpece a lebrua<; por este motivo, non se recomendan en textos corridos. Poden aparecer na cabeceira e no peche do documento, maisnon deberán intercalarse no corpo.
<< Non se deuen escriuir por abreuadas mas por palabras cumplidas.>> (Alfonso X, As partidas)
As siglas
Ao igual ca o resto das abreviacións, as siglas substitúen, por un criterio de economía lingüística, sintagmas con significado completo.Tendo en conta que poden abreviar longas expresións, resultan moi útiles; pero non debemos esquecer que ata as máis usuais para quen redacta poden ser descoñecidas para o seu interlocutor. Por isto, antes de usalas por primeira vez nun texto debemos desenvolver a forma plena e a continuación, entre parénteses, representar a sigla:
Isto está tipificado como infracción leve, segundo a Lei de ordenación de transparencia terrestres (LOTT).
A técnica pola que se crean as siglas consiste na xustaposición das iniciais en maiúscula das palabras plenas dun enunciado;
Nalgunhas ocasións inclúense tamén as iniciais de elementos accesorios (preposicións, conxuncións e artigos) que favorecen a lectura e que se escriben en minúscula: PSdG.
Aínda que non haxa unificación internacional á hora de establecelas, cada idioma ten un corpus establecido por consenso e por tradición que debe ser respectado.
Outras consideracións
- As siglas teñen o xénero do substantivo principal do sintagma ou o do referente.
a RAG (academia)
o Ave (o tren)
- Nunca levan puntos entre as letras e tampouco teñen morfema de plural. Só se flexionan os determinantes que os acompañan: os DOG, as
- A lectura debe facerse soletreando, no caso das consonánticas, ou silibando, se se trata de silábicas que inclúen vogal.
Consonánticas Silábicas
IPC BOP
TVG ESO
TSXG IBI
- Non se grafan en cursiva aínda que a forma plena si o fixese.
Figura no Diario Oficial de Galicia > Figura no DOG
- O uso fixo que en ocasións as siglas se lexicalizasen dando lugar a novos substantivos comúns: peme, ovni, ong…
Os acrónimos
Son formacións creadas polo acurtamento doutras palabras que deben permitir sempre unha lectura silabada. É dicir, toman máis letras ca as iniciais das palabras das que proceden: motel < motor hotel.
Características;
- Na formación do plural compórtanse coma un substantivo: os moteis.
- O xénero condiciónao a palabra inicial do sintagma ou o referente: a Fegamp.
- Represéntanse con inicial en maiúscula, se son nomes propios, e en minúscula se son nomes comúns: Igape, Unesco, Inem, radar.
Os símbolos
Estas abreviacións están fixadas no ámbito internacional e acurtan unidades relacionadas cos ámbitos da ciencia e da tecnoloxía.
Canto a súa formación, escapan ás normas de creación do resto das abreviaturas:
- Non levan puntos entre as letras nin ao final.
- Non admiten forma plural nin cambio de xénero.
- Poden mesturar maiúsculas e minúsculas.
- Escríbense sempre con letra redonda, separados por un espazo da unidade coa que van. Non poden separarse desta no final de liña.
En conclusión, son convencións aceptadas tal como se propoñen e non permiten modificacións: m, €, h, pH, etc