Ao igual ca o resto das abreviacións, as siglas substitúen, por un criterio de economía lingüística, sintagmas con significado completo. Tendo en conta que poden abreviar longas expresións, resultan moi útiles; pero non debemos esquecer que ata as máis usuais para quen redacta poden ser descoñecidas para o seu intercocutor. Por isto, antes de usalas por primeira vez nun texto debemos desenvolver a forma plena e a continuación, entre parénteses, representar a sigla:
Isto está tipificado como infracción leve, segundo a Lei de ordenación de transportes terrestres (LOTT).
A técnica pola que se crean as siglas consiste na xustaposición das iniciais en maiúscula das palabras plenas dun enunciado:
DNI, IVE, EGAP, etc
Nalgunhas ocasións inclúense tamén as iniciais de elementos accesorios (preposicións, conxuncións e artigos) que favorecen a lectura e que se escriben en minúscula: PSdG
Aínda qu enon haxa unificación internacional á hora de establecelas, cada idioma ten un corpus establecido por consenso e por tradición que debe ser respectado.
Outras consideracións:
- As siglas teñen o xénero do substantivo principal do sintagma ou o do seu referente.
a RAG (academia) o AVE (o tren)
- Nunca levan puntos entre as letras e tampouco teñen morfema de plural. Só flexionan os determinantes que os acompañan: os DOG, as UTE…
- A lectura debe facerse soletreando, no caso das consonánticas, ou silabando, se se trata de silábicas que inclúen vogal.
Consonánticas Silábicas
IPC BOP
TVG ESO
TSXG IBI
- Non se grafan en cursiva aínda que a forma plena si o fixese
Figura no Diario Oficial de Galicia > Figura no DOG
- O uso fixo que en ocasións as siglas se lexicalizasen dando lugar a novos substantivos comúns: peme, ovni, one…