Pódense expresar con cifras ou con letras. Nos documentos de carácter económico, aconséllase escribilos dos dous xeitos co fin de que a letra explique o número.
Adxudícase pola cantidade de 12 335 € (doce mil trescentos trinta e cinco euros).
No caso de empregar letras hai que lembrar que a partir de vinte e un se escriben separados:
vinte e nove
corenta e dous
oitenta e sete…
Escríbense con cifras cando:
- Son cantidades superiores a 9 ou posúen decimais.
- Indican operacións, fórmulas científicas ou datos contables. Dentro de táboas, os enteiros poden escribirse de dous xeitos: 317 € /317,00 €. Nunha redacción non é posible o segundo porque entorpece a lectura.
- Expresan unidades dun sistema seguidas do seu símbolo: 30 m, 200 km, 8 l.
- Indican operacións ou fórmulas científicas.
- Son datas e van no corpo do documento.
- Corresponden a prezos, habitantes, apartados, páxinas, domicilios, artigos de textos legais…
- Van despois dun substantivo modificándoo: andar 3
Escríbense con letra cando:
- Son cantidades inferiores ou iguais a 9. A excepción de listas, datas, unidades dun sistema se van acompañadas do símbolo e cando fan referencia a si mesmos:
3 copias do proxecto, 1 certificado de estar ao corrente de pagamentos coa Seguridade Social e 1 fotocopia do DNI
A técnica localizou restos da estrutura danada a 1 km de distancia
Ábreselle a plica correspondente ao solicitante número 6.
- Son cantidades aproximadas:
Irromperon na sala uns corenta veciños desconformes.
- Expresan duración temporal:
Hai tres días que se publicou a circular informativa.
- Encabezan un título, un parágrafo ou unha oración.