Esta é a forma en que se expresa a data dun documento: lugar, día, mes e ano. Canto a cuestións ortográficas, sinalamos:
- O lugar e o mes escríbense en letra, o día e o ano en números. Fixémonos tamén en dous erros moi habituais: o mes non vai en maiúscula e o ano non separa os números con puntos.
O Rosal, 11 de agosto de 2012
- Non comeza coa preposición «de» nin ningún outro elemento. Tampouco o día leva artigo nin a preposición «a».
Viveiro, 18 de novembro de 2012
Canto á colocación, a data do documento administrativo vai habitualmente pechando a comunicación, é dicir, xusto despois do corpo e antes da sinatura: Pode alterar esta colocación en dúas situacións:
- No caso de que o documento conteña saúdo e despedida (por exemplo, o oficio), pasa a situarse tras a sinatura.
- En certos documentos oficiais (actas, decretos, leis, escrituras públicas…) aínda convive a forma moderna coa máis arcaica, que se insire no corpo do documento. Neste caso, mantense a expresión escrita toda en letra e o nome do lugar vai precedido da fórmula «Dado en» ou «En» e o día con artigo.
De xeito distinto temos que tratar as indicacións de datas diferentes da do documento. Poden ir dentro do texto ou ben nalgún recadro, gráfico, formulario… pero sempre se expresan con números.
- A orde habitual é día, mes e ano, separados por puntos, barras ou guións, segundo esta orde de preferencia:
20.03.2010 20/03/2010 20-03-2010
Existe a posibilidade de escribir o mes con números romanos, pero non é frecuente. O que temos que coidar, en calquera caso, é que o ano se exprese coas catro cifras.
- Tamén podemos aplicarlle a orde que recomendan as normas ISO, especialmente se o documento se vai empregar no ámbito internacional:
2010.20.03 2010/20/03 2010-20-03