Os topónimos son nomes propios que distinguen entidades de poboación. Á hora de empregalos é importante non esquecer o seguinte:
- Escríbense sempre coa denominación completa, sen abreviacións de ningún tipo.
X V. de Arousa
V Vilagarcía de Arousa
- O artigo forma parte do nome de lugar, daquela, escríbese tamén con maiúscula.
As Neves
- Os que levan artigo poden contraelo con varias preposicións:
Ás Pontes de García Rodríguez
Nas Pontes de García Rodríguez
Das Pontes de García Rodríguez
Polas Pontes de García Rodríguez
- Os topónimos galegos teñen como única forma oficial a galega, tamén cando escribimos noutro idioma. Para vermos a denominación oficial dos lugares de Galicia, dispoñemos do Nomenclátor de Galicia.
- Existen moitos topónimos estranxeiros que, por uso e vinculación coa nosa cultura, ou ben porque nos chegaron a través doutras linguas, adoptaron formas galeguizadas. Neste caso, empregamos a forma galega e acentuámola como tal: Bos Aires, Milán…
- Os nomes de lugar de nova incorporación escríbense respectando as formas de procedencia. De precisalo, podemos facer algunha adaptación, que non é o mesmo ca unha tradución, posto que consiste na acomodación doutras linguas á nosa pronuncia, grafía ou gramática: Moscova, Bruxelas…
- Os topónimos menores que acompañas nomes propios de lugar habitualmente tradúcense:
praza da Ribeira
illas Sisargas