Unha das tendencias da linguaxe administrativa que a converte nunha lingua arrevesada e escura para a cidadanía que se enfronta a ela consiste en empregar circunloquios. É dicir, explicar con moitas palabras o que podería dicirse con menos.
A Administración fixo disto un trazo de estilo durante moito tempo, o que probou o convencemento de que estabamos diante de léxico técnico específico. Nada máis lonxe, podemos comprobar que todas estas estruturas teñen correlatos claros na lingua común.
Unha das máis frecuentes é a constituída por un verbo baleiro de significado e un substantivo (conceder a aprobación, dar aviso, dar comezo, dispoñer a anulación, facer entrega, facer público, facer uso da palabra, facer uso das instalacións, poñer de manifesto, poñer en coñecemento, proceder á apertura do sobre, proceder á celebración, proceder á clausura do local, proceder á elección, proceder á identificación do cadáver, proceder á publicación, proceder á sanción, proceder a sinatura do acordo, proceder ao establecemento, realizar o aboamento, tomar parte), que é o que o fornece de carga semántica. Ás veces están unidos por unha preposición. O correcto é:
aprobar, avisar, comezar, anular, entregar, publicar, falar, usar as instalacións, manifestar, comunicar, abrir o sobre, celebrar, clausurar o local, elixir, identificar o cadáver, publicar, sancionar, asinar o acordo, establecer, aboar, participar
Outras veces trátase de locucións que poden substituírse por outras máis lexibles.
á atención de: para
a título de: como
co fin de, a fin de: para
co obxecto de: para
con excepción de: agás
de agora en diante: en diante
de conformidade con: conforme, consonte
en aplicación de: aplicando, conforme con
en atención a: por
en calidade de: como
con data do xxx de xxx de xxx: o xxx de xxx de xxx
en materia de: sobre
en todo caso: sempre
en virtude de: como, consonte
independentemente de: alén de
na súa condición de: como
en atención a: