Co xerundio acontece algo similar ao participio. É unha forma que non se conxuga pero que conserva aínda así certos valores temporais.
Cómpre evitarmos o abuso desta forma non persoal no comezo do parágrafo xa que a miúdo provoca unha subordinación excesiva e aletarga a aparición do verbo principal.
X Abríndose un prazo de reclamacións á listaxe provisional e non producíndose ningunha no prazo estipulado acordouse confirmar a listaxe provisional como definitiva.
V Acordouse confirmar a listaxe provisional como definitiva, xa que non se presentou ningunha reclamación no prazo estipulado.
Ben utilizado
- O xerundio presenta unha acción en progreso e simultánea á do verbo principal:
Expoñendo as súas conclusións, deixaba en evidencia as dificultades do proceso.
- E tamén expresa unha acción anterior a outra:
Entregando a documentación acreditativa que se lle demanda, quedará corrixida a anomalía.
Con todo, o xerundio é unha forma arcaizante, que complica a redacción e provoca moita ambigüidade. É preferible empregar formas verbais conxugadas, na procura de claridade e sinxeleza.