Debido á necesidade de engadir moitas matizacións, a linguaxe administrativa apóiase en exceso nos adverbios rematados en -mente. Aínda que isto non constitúe ningún erro gramatical, alonga os textos e éncheos dunha lingua marcadamente ampulosa e, en consecuencia, pouco áxil. A solución está na variedade léxica e na optimización dos recursos gramaticais.
Poderán incorporarse ao expediente unicamente as reclamacións de persoas físicas ou xurídicas que residan habitualmente na área obxecto de expropiación e que demostren documentalmente a vinculación con esta.
Poderán incorporarse ao expediente só as reclamacións de persoas físicas ou xurídicas que residan habitualmente na área obxecto de expropiación e que demostren por medio de documentos a vinculación con esta.
Con todo, no caso de empregalos, é bo lembrar que a súa colocación inflúe sobre a dos pronomes. Se aparecen como inciso, entre comas, permanecerán tras o verbo, como é habitual. Se o adverbio está integrado na frase, sen pausa que o separe do verbo, provoca a anteposición do pronome átono:
Raramente se presentan recursos contra este tipo de sentenza.
Finalmente, presentáronse só dúas persoas.