Redacción e estilo. Os cargos e as fórmulas arcaizantes

O uso de tratamentos é só unha cortesía que pode empregarse coa persoa destinataria do documento, con fórmulas como señor/a ou don/a, segundo acompañen o apelido ou o nome. A combinación das dúas é obsoleta.

X  Sr. D. Xosé Luís Silva Fernández

Sr. Silva Fernández / D. Xosé Luís Silva Fernández

Calquera outra debe evitarse; máis obxectivos non van aumentar nin mellorar as consideracións cara á persoa interlocutora a quen nos diriximos. Se ocupa un cargo ao que se lle vincula un tratamento, facelo constar pode considerarse unha mostra de submisión desacorde cos valores democráticos e de igualdade que a Administración moderna defende.

O mesmo acontece con determinados verbos e expresións que proxectan unha imaxe clasista e de humillación do cidadán diante dos órganos administrativos ou ben entre profesionais de distintos niveis de responsabilidade dentro da Administración, imprompia da sociedade en que vivimos:

Prégolle a V. I. que atenda a miña solicitude de …

Solicito que …

Só no caso de documentos protocolarios, como os saúdos ou as invitacións, podemos engadirlle o tratamento ao cargo, non ao nome, antes de Sr./a:

… convida á Excma. Sra. dona Elvira da Ponte, presidenta da Xunta de Galicia

… convida á Excma. Sra. Presidenta da Xunta de Galicia, dona Elvira da Ponte

 

Na redacción dos documentos de xestión non se mantén, xa que recarga a escrita. Este criterio emprégase tamén nas referencias a persoas ou cargos distintos da persoa destinataria da comunicación.

Na elaboración de formularios destinados a uso externo non se emprega ningún tratamento, xa que non poden aplicárselles aos cidadáns as normas de estilo que determina para si a Administración.

Canto á grafía, debemos lembrar que as formas desenvolvidas dos tratamentos se escriben en minúscula; as abreviadas, incluído vostede, levan maiúscula inicial.