Achega de datos léxicos

DOA é un programa de participación cidadá para a achega de datos léxicos. Desde o Instituto da Lingua Galega levan décadas promovendo, por múltiples vías, a recolleita e difusión do inmenso patrimonio léxico de Galicia, sempre apelando ao saber e complicidade dos seus donos e donas, os galegofalantes.

DOA é unha palabra moi pequena, mais grande no seu significado. Apela xenerosidade e é tamén cada un dos abelorios que se enfían para formar un rosario ou un colar: cada unha ten o seu valor individual, pero todas gañan cando con elas se forma algo novo, colectivo.

As doazóns pasarán a integrar o banco de datos do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, convenientemente identificadas co nome do proxecto e o ano da recolla, e serán tamén incorporadas no recurso Patrimonio léxico da Gallaecia, que nos permitirá recoñecer as diferentes denominacións rexistradas en Galicia para un mesmo concepto.

O sistema de participación é doado, de xeito que calquera que queira pode colaborar. Simplemente cómpre cubrir os formularios que se irán poñendo na páxina, con temáticas que irán mudando en sucesivas campañas.

http://ilg.usc.gal/plg/colabora/